Monday 29 de April de 2024

Negreira asina con Repsol un convenio de donación para a mostra “O primeiro Picasso. A Coruña 2015”


A conmemoración do 120º aniversario da primeira exposición de Picasso foi o primeiro evento da cidade declarado polo Estado de excepcional interese público, o que permite o patrocinio por parte de empresas

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, asinou esta mañá con Josu Jon Imaz, conselleiro delegado de Repsol o convenio de donación para
O primeiro Picasso. A Coruña 2015, unha mostra que abrirá as súas portas o próximo 19 de febreiro no Museo de Belas Artes para conmemorar o 120 aniversario da primeira exposición que o artista realizou e que tivo como escenario a rúa Real.
O alcalde agradeceu a Repsol a súa colaboración, xa que se converte no patrocinador principal desta importante exposición que mostrará a todos os visitantes a etapa máis descoñecida do pintor pero que é imprescindible para comprender ao gran xenio que chegou a ser. Neste sentido, destacou a sensibilidade da entidade e a súa rápida disposición para contribuír á difusión e organización do evento e, desta forma, permitir que o público poida gozar da maior exposición realizada na historia da etapa coruñesa de Picasso.
A conmemoración foi declarada polo Estado acontecemento de excepcional interese público, a primeira vez que sucede cun evento da cidade. Dita declaración permite o patrocinio do programa de actividades previstas por parte de empresas que contarán con elevadas desgravaciones fiscais desde o 1 de xaneiro de 2014 ao 31 de decembro do 2015.
Por este motivo, nos últimos meses, o Concello da Coruña, a través da Fundación Emalcsa, presentou esta ambiciosa iniciativa ás principais empresas situadas na cidade que, como no caso de Repsol, do Banco Sabadell Galego e a Fundación Banco de Sabadell, implicáronse e mostráronse interesadas en colaborar, de forma que a mostra non necesitará habilitar fondos públicos para a súa celebración.
A exposición O primeiro Picasso. A Coruña 2015, promovida polo Concello da
Coruña, está organizada polo Concello, o Museo de Belas Artes, a Consellería de Cultura e a Fundación Emalcsa. Contará con máis de 200 pezas, unhas 81 realizadas por Picasso, grazas á cesión de obras por parte dos museos dedicados a Picasso de Parides, Barcelona e Málaga e á contribución da Escola de Arte Pablo Picasso.